Frouma

Emilio Corral

Emilio Corral

Falar con Don Emilio Corral Vázquez (A Coruña, 1910), é falar con toda unha institución no mundo do folclore e da música galega en xeral. Formou parte ou colaborou con agrupacións tan míticas e heteroxéneas como "Cántigas da Terra", "Follas Novas" o "Los Tamara". Coñeceu e tratou a lendas da música e cultura galega como Mauricio Farto, Pucho Boedo ou Sebastián Martínez Risco. Así mesmo foi un dos primeiros gaiteiros con formación musical nun tempo no que a gaita case nin se consideraba instrumento. Conqueriu, con trinta anos de diferenza, dúas veces o Primeiro premio no Festival de Llangollen (Gales), un dos máis importantes de folclore no mundo; Gaiteiro Maior do Reino de Galicia nomeado pola RAG, interviú en numerosas grabacións de música galega... Aos seus 98 anos Don Emilio conserva unha memoria enciclopédica que proporcionaría material para escribir o libro de boa parte da historia da música tradicional galega do século XX. Nesta páxina, ofrecémosvos esta pequena pero interesantísima entrevista que nos concedeu o pasado 18 de Abril no Circo de Artesáns da Coruña.

Emilio CorralComo empezou a súa relación coa música tradicional?

Meu avó por parte de pai era gaiteiro. Era de Rábade, en Lugo, e vivía onde a ponte pola que se pasaba antes de que construísen a nova estrada xeral, por iso chamábano “o gaiteiro da ponte”. Eu teño unha lembranza moi vaga del. Un tío meu herdou a súa gaita. Meu pai se cadraba a collía e tocaba un pouco, pero o que tocaba era o tambor. De feito, cando foi para o servizo a Oviedo (tres anos duraba daquela) souberon que tocaba o tambor e estivo de axudante de músico militar. Meu pai era, era un gran bailarín, oía unha gaita e xa estaba bailando. Cando eramos rapaces, Paradela viña tocando a gaita cunha cuadrilla que tiña. Meu pai sacaba un garrafón con viño ao barrio que xa desapareceu que lle chamaban O Lagar, e ¡ala!, xa había troula.

Así empezou a miña relación coa gaita.

 

Vostede empezou a tocar a gaita só ou aprendéronlle?

Vós non o sabedes, pero aquí na Coruña houbo catro bandas de música infantís: a das Escolas Labaca, a dos Salesianos, a das Escolas Populares Gratuítas e a do Hospicio Provincial, que estaba onde agora está o barrio de Zalaeta.

Eu estaba nas Escolas Labaca, tiña tres irmáns alí. Tocaba o clarinete na banda e mesmo seguín facéndoo como ex-alumno. Aos 15-16 anos, cando quixen traballar, meu pai procuroume traballo nunha imprenta, onde traballaba coma un matalote e gañaba uns 10 reais, 2’50 pesetas daquela, que pouco máis daban que para zapatillas para xogar ao fútbol e estragalas...

O director das Escolas Labaca chamábase D. Javier Anta, e tiña dous irmáns. Un deles era Adolfo Anta, membro e logo director do coro Cántigas da Terra. O outro era Fernando Anta, o máis novo dos tres que tocaba un pouco a gaita, e que marchou ao seminario a facerse cura. Un día nun recreo díxome D. Javier:

- "Corral, e ti non poderías tocar a gaita? Porque está esa gaita aí parada...".

Eu respondinlle:

- "Mire vostede, eu xa estou tocando o clarinete, teño de estudar, teño de facer isto, o outro, ir á casa… non me queda tempo".

- "Si ho, ti ben o fas"; retrucou el

- "Ben, a ver onde está...Déixama levar para a casa? Porque o meu pai entende disto".

Meu pai era moi mañoso, facía palletas para gaita marabillosamente, e como a gaita necesitaba unha, preparouma. Despois xa fun aprendendo eu, para non estar dependendo de ninguén. Unha palleta pola ti, ao teu xeito, máis dura, máis branda, como queiras...


Así empecei, e en 15 días xa tocaba a gaita. Aínda lembro unha muiñeiriña moi doada...[D. Emilio cantarúxanola]...que fun tocando con algún descanso dende o colexio ata a Torre de Hércules, onde nos levaran de excursión un xoves antes das vacacións.

E foi cando entrou en Cántigas da Terra...

Cántigas da TerraUn día houbo unha actuación dos alumnos no salón de actos do colexio e Adolfo Anta viume tocar. Naqueles días, D.Manuel Fernández Amor, gaiteiro e director do coro, que era músico militar marchara, e precisaban dun gaiteiro.

Así que leváronme para Cántigas, e lembro que cando cheguei estaba ensaiando Adolfo Anta cun harmonio dándolle o ton a Francisco Paradela, outro gaiteiro, e dixo Anta: “Veña, ensaiade vós”. E deixoume con Paradela. A Paradela custáballe un pouco coller as cancións, pero unha vez as sabía, tocábaas con moita graza e moi ben.

 

 

Cántigas da TerraCantos anos estivo no coro?

Pois agora mesmo non cho sei. Dende aquel día contaban comigo. Eu inda andaba de pantalón curto (daquela non te puñas o pantalón longo ata que eras bastante maior), e un día alguén no coro dixo:

- "Apareceu un merlo branco".

- "Como?"; dixo Anta que non se decataba.

- "Este rapaz que está aquí"; respondéronlle referíndose a min.

Deste xeito, empezoume a afección. Sempre gustoume moito a música galega, e xa tiña afección aos coros, pero oía que se desfacían e ata entón estaba un pouco desanimado a entrar nalgún. Ao cabo do tempo, metinme tamén noutros grupos, e polas obrigas familiares acabei deixando Cántigas.

 

Emilio CorralGañou o Festival de Llangollen (Gales, Reino Unido) no 56...

Gañei o primeiro premio internacional coa gaita. Era un festival de músicos de todo tipo, non só gaiteiros. De feito, non sabían que aquí había gaiteiros. Cando cheguei e vin todo aquilo, falei cunha señora de alí que era catedrática de español nunha escola superior e díxenlle:

- "Nós, cando facemos un concurso é dun instrumento determinado, e o que mellor o faga a xuízo do xurado, gaña".

- "Non, aquí van todos mesturados, independentemente do instrumento"; dixo ela.

Eu non o concibía, pero así era. Había alí instrumentos que non vos podedes imaxinar. Vistes algunha vez un corno longo que apoian no chan? O que o tocaba estaba amenizando todo o día o campamento do festival, que era a base de carpas. Había moitas cousas curiosas. O terceiro día, tiven un accidente cunha bicicleta e manquei o xeonllo. Querían operarme, pero se o facían, tiñamos que deixar o festival, polo que entaláronme a perna e fun tirando. A coxeira que teño hoxe en día é por iso, non é pola idade, inda que,

claro está, inflúe.

O último día pasabamos todos polo escenario. Cando nos dixeron que gañaramos o primeiro premio de todos os grupos, deume unha cousa na gorxa. Era incrible.

 

Logo volveu gañar no 86...

Aos catro anos se desfixera o grupo que foramos a Llangollen. Algúns dos compoñentes que traballaban na Delegación do Goberno, viran nunha lista de subvencións para grupos rexionais unha que inda non se pedira. Avisaron a todos, pero a maioría non foron. A min dixéronme: “ Imos outra vez a Llangollen?” Xa pasaran uns 26 ou 29 anos dende que foramos e eu tocaba na Banda Municipal da Coruña e tiña a gaita coma un “hobby”. O caso é que fomos e volvemos gañar o primeiro premio.

 

Emilio Corral e FelisaTamén nomeárono “Gaiteiro Maior do Reino de Galicia”...

Si, foi a Real Academia Galega a proposta de Sebastián Martínez Risco, presidente da mesma. Este señor, fora dar unha conferencia a Asturias e levaba unha gravación da Muiñeira de Cabana, que fixera eu e que gustou moito, a raíz diso propúsome.

 

Daquela, a Muiñeira de Cabana...

Fíxena eu! Seica fixeron un panfleto dicindo que copiara a muiñeira, e a quen lla ía copiar se ninguén sabía esa muiñeira? Un verán fora tocar coa orquestra “Los Satélites” á Trabe, á entrada de Ponteceso, preto de Cabana. Daquela, todos os rapaces e mociños dun lugar ían e volvían todos xuntos da festa. Nós xa acabaramos de tocar, pois só tiñamos permiso ata as doce, e os pequenos estaban a agardar polos maiores debaixo da habitación que compartía na fonda con Lolito, o director da orquestra. “Ei rapaces, os de Cabana!” dicían. Os pequenos, estaban impacientes, querían marchar. Pero os outros, que andaban ás mozas, non querían. As cousas sonche así! Para entretérense, facían música cunha cana. As canas eran de alcacel, unha forraxe que se sega polo verán e amontoan para penso de animais. Collen a cana cunha navalla e fan dous ou tres buratos e tocan. Dicía Lolito: “Me cago...que están dando a lata e non nos deixan durmir”, pero eu escoiteinos e como tocaban desafinados, veume á cabeza a Muiñeira de Cabana. Xa tiña a idea de facer unha muiñeira en ton menor, que non se fixera e se podía facer perfectamente, inda que tiña que dalo a gaita. Nese sentido, hoxe adiantouse moito. A unha gaita que había en Cántigas, púsenlle uns aneis que me facían os torneiros da Fábrica de Armas, para ir pechando ou abrindo os buratos segundo o oído. Volvendo ao tema, seica que os nenos estaban a imitar o que tocaba un home que lle chamaban Manolo o do Bosque, pero, como vai ser iso o que fixen eu? Poderá haber un xiro ou dous que se parezan, pero eu fixen a Muiñeira de Cabana en ton menor, e non ten nada que ver co que tocaba ese señor.

 

En que grupos estivo?

En Cántigas da Terra, Aturuxo, Follas Novas, El Eco, ... En El Eco, representaban unha estampa, chamada “As Camariñanas” de Mauricio Farto, que ten unha intervención de gaita que tocaba eu. Mauricio Farto fixo cousas para gaita, algunha para min, de feito eu gañei un concurso cunha muiñeira sua. De “As Camariñanas”, fixo tamén un pasodobre precioso que foi sintonía de Radio Nacional de España cando o réxime de Franco. Tamén toquei algunha vez coa Sección Feminina.

 

Quen lle fixo a súa primeira gaita?

O primeiro instrumento que tiven foi un clarinete que me comprou meu pai na tenda de Canuto Berea. Logo, a gaita...realmente, eu case que nunca tiven gaita, porque ao estar en Cántigas, tiña que tocar a do grupo. Había outra que era a que tocaba Fernández Amor, pero que a collera Paradela. Non estaban afinadas igual, a que tocaba eu estaba un pouco máis alta; moito loitamos con elas, pero tampouco as había mellores. Ao final, a miña vendeuse. Foi unha gaita que fixeron apuradamente, porque tiñan necesidade dela. Fixéraa un home que tocaba na Coruña nos anos da miña mocidade: O tío Ambrosio, que cando había unha función na Colexiata, xa entraba pola Puerta de Aires tocando a “Marcha do Antigo Reino”, porque era o gaiteiro que había. O tío Ambrosio xa era moi vello, e tocaba solemne, sabía por qué tocaba iso. Agora tócase todo copiado, sen saber por qué se fai. A casa dos pais do alcalde Sanjurjo Carricarte, estaba na Puerta de Aires, e o alcalde dicía: ”Cando entraba o gaiteiro, ás veces parecía que saía o sol. Xa está aí o gaiteiro, diciamos e asomábamos pola fiestra para velo.” De feito, este alcalde, encargoulle a D. Rodrigo A. de Santiago, o director da Banda Municipal de Música da Coruña, que arranxase a marcha para a banda.

 

Con que tamborileiros tocaba?

Co que cadrase. Toquei moito con Fraguela, que era de Cedeira e timbaleiro da Banda Municipal. O pai del, era tamén gaiteiro. Ter un bo tamborileiro é moi importante. Por exemplo, na Muiñeira de Chantada, quen lle dá a vida é o tambor. Se se deixa sen acompañamento é bonita, pero non parece unha muiñeira. Nesta muiñeira, non hai que lle saiba dicir ao tamborileiro como facer para ir ben. Ademais, hai “bombistas” que tamén o fan como caia, sen coidado ningún.

 

Emilio Corral

Foi tamén músico da Banda Municipal da Coruña.

Eu traballaba dende a guerra como axustador na Fábrica de Armas. Levaba uns dez anos cando me metín na banda. Gañaba tres veces menos, pero a min o que me gustaba era a música, e compenseino facendo traballiños por aí. Unha das cousas que fixen foi copiar partituras. Arrisqueime, pero saíu ben e puiden saír adiante.

 

Pescudando, pescudando, atopamos que foi vostede director e mestre da Academia de Gaitas. Que Academia de Gaitas? Era a Escola de Gaitas da Deputación ou non ten nada que ver?

Non, non ten nada que ver. Era do concello, ocorréuselle a Molina de acordo con D. Rodrigo, o director da banda, e aprobouse con catro cartos. O alcalde Molina, pediume que entrase na academia, e eu non lle podía dicir que non.

 

Fóra da música tradicional e de banda, tamén colaborou vostede con “Los Tamara”, non si?

Si. Lembro unha vez, que fora nun mes tres veces a Madrid a gravar. Pedíronme que fora, pero ao final, só colaborei nuns pequenos arranxos das cancións e cantei cos coros. Por iso pagáronme coido que 75.000 pesetas daqueles días.

- "É vostede un gaiteiro moi caro"; díxome a encargada de pagar, que dicían que mandaba máis có dono da empresa.

- "Que quere que lle faga?"; respondín eu. "Eu non teño a culpa de que me teñan aquí sen facer nada".

Eu compartía habitación con Pucho Boedo, que tiña unha voz preciosa.

 

Cantos discos gravou?

Moitos, non vos podo dicir.

 

Nós temos aquí un...[D. Emilio colle o CD e observamos abraiados que quita as gafas para ler os títulos das cancións]...é unha copia en CD doutro que se fixo en vinilo.

Si..., polo menos recoñecen que o que tocaba era eu [di con retranca]. Esta Alborada de Ponte Caldelas, fíxose para min...Coa Pandeirada de Torás, hai unha historia. Eu tocaba de cando en vez coa Sección Feminina, que recollía moitas pandeiradas pola zona de Bergantiños, na Costa da Morte. Por alí, de feito, teñen máis importancia as pandeiradas que as pezas de gaita. Hai unha cunha estrofa que di “Baila Carmela e máis trae o neno, que anque non é meu, xudei a fagelo”. Cantábano así e non lle daban importancia á letra. Volvendo á Pandeirada de Torás, na Sección facíana mal e eu díxenllo. As pandeiradas teñen todas unha estrutura co que se chama un compás de amalgama, e logo un retrouso: 1-2-3 1-2-3 1-2-3, pero alí facíano 1-2-3-4. O ritmo non lles cadraba. O señor que facía as recolleitas, cuxo nome era algo de “María” pero non o consigo lembrar, era músico e estrañábame moito que fixera mal a recolleita. Eu porfiaba coa directora que esa pandeirada estaba mal, e ela veña que non. Ao final, tiven que ir ao arquivo da Falanxe e, efectivamente, era como eu dicía.

 

Emilio Corral e Geranio TorreiroE como ve a música tradicional hoxe en día?

Moi mercantilizada. Todo vale. Pureza hai pouca. Non é que non poidan facelo, pero...van á pela!

 

Afectoulle á súa vida familiar o feito de ser gaiteiro?

Non, porque sempre tiña desculpa... [contesta rindo]. A miña muller xa estaba afeita e non me puña problemas. Os luns eran para ela, salvo que tivera que traballar, e saíamos como se fose un domingo, igual. As viaxes eran coas colectividades e levábaas ben.

 

Para rematar, hai algunha anécdota curiosa que recorde?

Unha vez fun con Follas Novas “de tourné” por Portugal. O director de Follas Novas era José Mir, valenciano, e preparáramos un número no que actuaba eu de solista. Este señor, chegou a entender a gaita perfectamente. Mesmo fixo unhas misas con gaita e harmonio que tocabamos nos Capuchinos; eran as primeiras misas en galego e non cabía a xente, tendo eu que saír fóra a unhas escaleiras a tocar.

Ben, volvendo ao de Portugal, o caso foi que daquela, a televisión xa empezara en Portugal, pero aquí inda estaba en probas en Madrid dende onde só emitían dúas horas pola tarde. Os portugueses andaban entusiasmados coa televisión e nós actuaramos nunha gala na televisión. Ao día seguinte da actuación fomos tomar algo a un bar e un pícaro que había alí fitoume asombrado e foille berrar á nai: “É o senhor da televisao!”. A nai, tras mirarme respondeu: “Sim, e o senhor da televisao”. Entón, chegouse onda min o director da coral e díxome:

- "Vaia Corral, coñéceno a vostede e a min, que son o director da coral, non me coñece ninguén".

Eu respondín:

- "Home, e que a min víronme a cara, e a vostede as costas, que para iso estaba dirixindo".

 

Ben, pois moitas grazas por todo, xa non o molestamos máis.

Nada, ho!. Espero que vos servise e non vos aburrise con tanta historia.

 

De ningunha maneira, foi todo moi interesante.

Pois inda habería máis que contar...

 

 

Luis Sánchez Graiño e Erea Estévez Campos



Asociación Cultural Frouma | Daniel Castelao, 13 | 15179 Santa Cruz de Liáns - Oleiros | A Coruña | Galiza | Teléfono. 610386232 | frouma@frouma.com | Yagly.com